- A inauguración celebrouse ás 11:30h na sede da OPP20 co alcalde da Illa e coa representante da Consellería do Mar, Sonia Lorenzo.
- 14 Restaurantes da Illa de Arousa participaron nesta primeira ruta de Marisco de A Illa ofertando tapas gratis.
- A ameixa rubia, gran protagonista das tapas a degustar que veñen con premio.
- Esgotáronse existencias en 4 dos 14 locais xa ó mediodía. O resto ofreceron a tapa en servizo de ceas xa baixo mínimos.
A OPP20 celebrou no día de hoxe a súa campaña de promoción de Marisco de A Illa, como vén sendo habitual cada ano dende 2020. Este ano centrouse na restauración local da Illa de Arousa mediante a celebración dunha xornada de tapas gratis nunha ruta organizada por 14 locais que prepararon ameixa rubia de formas diferentes pero todas moi saborosas.
A inauguración tivo lugar ás 11:30 na sede da OPP20, na súa aula de interpretación #OCantoDoMar coa presenza da Xunta Directiva da entidade, o alcalde da Illa, Luís Arosa, por parte da administración local e a Xefa Territorial de Pesca en Vigo, Sonia Lorenzo, por parte da Consellería do Mar, ademais da presenza de medios de comunicación.

Sonia Lorenzo destacou a importancia de iniciativas coma esta que poñen en valor tanto o produto de alta calidade coma a actividade tradicional e sostible da OPP20. Pola súa parte, o alcalde subscribiu as palabras de Sonia Lorenzo e subliñou o valor desta proposta que desestacionaliza un pouco o turismo na Illa ó afastalo de xullo-agosto, meses de principal afluencia de persoas.
Pola súa banda, dende a OPP20 quixeron destacar o seu produto, este ano a ameixa roxa ou rubia, insistindo na súa alta calidade que posteriormente se puido comprobar na ruta de tapas. Esta ameixa é unha especie con grandes oscilacións no prezo en primeira venda debido a que non é tan valorada coma outras especies (fina ou babosa), e sen embargo a súa calidade e sabor son inmellorables.
A cita nos locais participantes foi un éxito, con moitas persoas que acudiron a varios dos locais para seguir a ruta marcada por #OMarEnTapas. De feito 4 dos 14 locais participantes esgotaron os 15kg de ameixa só no servizo de comidas, e do resto consumiron máis de 2/3 das existencias co que esta noite rematarán o xénero doado pola OPP20 para a promoción de Marisco de A Illa.










Estímase que por cada quilogramo doado se poden elaborar entre 10-11 tapas. En total doáronse 15kg por local, un total de 210 que serían entre 2100 e 2300 tapas de ameixa roxa nunha soa xornada. Un éxito segundo a opinión dos locais, e por suposto un logro impresionante segundo a valoración da propia organización.
Superáronse as expectativas dunha ruta acompañada ademais dun concurso para aquelas persoas que máis tapeasen con Marisco de A Illa, onde se sortearán nos próximos días 2 lotes de 2kg cada un de ameixa rubia.














A OPP20 está profundamente agradecida pola colaboración e implicación de Restaurante Bar López, Restaurante A Ponte, O Novo Tuno, Bar Restaurante La Perla, Restaurante Xorna, Bar Pescador, Tapería A Chabola, Vinoteca Aldea, Consulta O Cortixo, Brasería A Salga, O Triskel, Restaurante A Meca, Churrasco Con do Sol e Novo Ribeirán. Ó mesmo tempo, todos eles destacaron a boa organización por parte da OPP e da indiscutible calidade do produto recibido para a elaboración das saborosas receitas.
Esta iniciativa é parte do Plan de Produción e Comercialización da OPP20, cofinanciado polo FEMPA e a Xunta de Galicia.
Comentarios recentes