A Illa de Arousa prepárase para unha nova edición de O Mar en Tapas. Os días 12 e 13 de setembro, ao mediodía, dez establecementos da Illa ofrecerán dez propostas gastronómicas elaboradas con ameixa rubia e algas da Illa.
A iniciativa, que alcanza este ano a súa cuarta edición, volve poñer en valor Marisco de A Illa a través da gastronomía local, amosando diferentes formas de preparar e degustar un produto estreitamente ligado ao territorio, ao marisqueo e á tradición da Illa de Arousa.
10 locais, 10 propostas
Nesta edición participan A Meca, Café Bar Saratoga, Bar O Porto, Restaurante Enno’s, Restaurante-Bar López, Restaurante Brasería A Salga, A Boa Vida Gastrobar, Churrasco Con do Sol, Restaurante Vinoteca Aldea e Ribeirán Café Bar.
Cada establecemento elaborará a súa propia tapa, coa ameixa rubia e as algas como fío condutor. Dez propostas diferentes para percorrer A Illa de Arousa e descubrir a versatilidade destes produtos a través da cociña dos locais participantes.
As tapas estarán dispoñibles ao mediodía durante o sábado 12 e o domingo 13 de setembro. Os horarios varían segundo o establecemento, polo que poden consultarse previamente na páxina de O Mar en Tapas 2026, xunto cos enderezos, localizacións e toda a información necesaria para organizar a ruta.
Degusta, puntúa e participa
O público volverá ter un papel fundamental en O Mar en Tapas. En cada establecemento, as persoas participantes poderán puntuar a tapa degustada e depositar o seu voto na urna habilitada.
A proposta que consiga a mellor puntuación será proclamada gañadora da IV edición de O Mar en Tapas e o establecemento recibirá o diploma «A mellor tapa de #OMarEnTapas».
Ademais, participar na votación permitirá optar a conseguir 2 kg de Marisco de A Illa.
Os días 12 e 13 de setembro, a cita está na Illa de Arousa: 10 locais, 10 propostas e 10 formas de tapear Marisco de A Illa acompañado de algas da Illa.
Consulta os horarios, os locais participantes, as tapas e toda a información de O Mar en Tapas 2026 na nosa web.
Iniciativa enmarcada no PPeC 2026 da OPP20 financiado pola Xunta de Galicia e o FEMPA.
Comentarios recentes