+0034 986 551 107 / fax 986 527 291 mariscodeailla@opp20.com
  • A OPP20 doou preto de 300 kg de ameixa rubia aos 11 locais participantes para dar vida a unha ruta gastronómica que une mar, tradición e innovación culinaria.
  • A inauguración contou coa presenza da conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña, e do alcalde da Illa, Luis Arosa.

A Illa de Arousa celebra esta fin de semana a III Edición de O Mar en Tapas, unha iniciativa impulsada pola Organización de Produtores de Marisco da Provincia de Pontevedra (OPP20) que transforma a ameixa rubia en protagonista gastronómica. Para facelo posible, a OPP20 doou un total de 297 kg de ameixa rubia27 kg por local— aos 11 establecementos participantes.

Tendo en conta que cada kg contén arredor de 60 ameixas e que cada tapa leva 4, estímase que ao longo da fin de semana se servirán preto de 4.500 tapas, o que supón unhas 400 por local.

Un acto institucional con forte apoio social

A inauguración oficial tivo lugar o sábado 13 de setembro ás 11:30 h na sede da OPP20. O acto contou coa presenza da conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña, do alcalde da Illa de Arousa, Luis Arosa, e da presidenta da OPP20, quen deu a benvida a representantes institucionais, hostaleiros, medios e veciñanza.

Durante o acto, os asistentes puideron visitar o acuario, a aula didáctica “O Canto do Mar” e experimentar a visita virtual inmersiva con gafas 3D, antes de proceder á inauguración da campaña promocional 2025 da OPP20. Esta acción forma parte do seu Plan de Produción e Comercialización, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea, e conta este ano tamén coa colaboración do Concello da Illa de Arousa.

Declaracións institucionais

Na súa intervención, a conselleira do Mar destacou que “O Mar en Tapas reivindica non só a calidade, senón tamén o sabor dos produtos do mar, e pon en valor o traballo artesanal e sostible das mariscadoras e mariscadores galegos”. Tamén fixo fincapé na importancia de incorporar o marisco galego nas dietas saudables e no compromiso da Xunta coa súa promoción a través de accións como esta.

Pola súa banda, o alcalde da Illa, Luis Arosa, sinalou que “eventos como este dinamizan a economía local e son unha aposta estratéxica para a desestacionalización do turismo, promovendo A Illa como destino activo máis alá do verán”. Agradeceu especialmente a implicación da OPP20, da confraría e dos establecementos participantes.

Un roteiro con 11 tapas únicas

Cada local participante elaborou unha tapa orixinal con ameixa rubia como ingrediente estrela:

  • Restaurante A Meca – Ameixas orientais
  • Café Bar Saratoga – Ameixas estilo Saratoga
  • O Novo Tuno – Ameixas á mariñeira de soia
  • Restaurante Enno’s – Ameixas en salsa vermella
  • Restaurante Churrasco Con do Sol – Ameixas con cachelos e rustido
  • Brasería A Salga – Ameixas afumadas con perlas de lima sobre leito de wakame
  • A Boa Vida Gastrobar – Ameixas á mariñeira con salsa de marisco
  • Vinoteca Aldea – Ameixas con fabas
  • Tapería A Chabola – Ameixas ao Tío Pepe
  • Ribeirán Café Bar – Ameixas ao viño con costra dourada
  • Bar López – Ameixas con fideos

O público pode participar puntuando as tapas e depositando o seu folleto nunha das urnas dispoñibles. Entre todas as persoas participantes sortearanse dous lotes de Marisco de A Illa.

A ruta de tapas continúa durante toda a fin de semana, tanto en horario de mediodía como de tarde-noite, o sábado 13 e o domingo 14 de setembro, ou ata esgotar existencias en cada local.

Esta medida está enmarcada no PPeC 2025 da OPP20, cofinanciado polo FEMPA e pola Xunta de Galicia.