A III Edición de O Mar en Tapas, celebrada esta fin de semana na Illa de Arousa, rematou cun grande éxito de participación e sabor. Ao longo de dous días, milleiros de persoas percorreron os 11 locais participantes degustando tapas elaboradas coa protagonista desta edición: a ameixa rubia.
O público tivo un papel fundamental: recolléronse un total de 2.163 votos, depositados nos folletos repartidos nos establecementos para valorar cada tapa e participar no sorteo final. A organización, a cargo da OPP20 – Organización de Produtores de Marisco da Provincia de Pontevedra, agradece a acollida masiva dunha iniciativa que esgotou produto en case todos os locais antes da súa finalización.
Mellor tapa: “Ameixas con fabas”
A tapa máis votada foi “Ameixas con fabas”, do Restaurante Vinoteca Aldea, unha combinación que uniu mar e terra nun prato contundente e cheo de sabor. O recoñecemento foi entregado no propio local en agradecemento á súa creatividade e ao apoio á gastronomía da Illa.
Sorteo de dous lotes de Marisco de A Illa
Entre as persoas participantes que entregaron o folleto cuberto, resultaron gañadores dos dous lotes de marisco:
- Arturo Piñeiro
- Ángel Paz
Ambos recibirán un lote de produtos frescos do mar procedente do marisqueo artesanal da Illa de Arousa, símbolo do compromiso da OPP20 coa promoción do produto local e sostible.
A OPP20 agradece profundamente a colaboración de todos os establecementos, o apoio das institucións —especialmente da Xunta de Galicia, da Unión Europea e do Concello da Illa de Arousa— e, sobre todo, a resposta entusiasta do público.
💬 “O Mar en Tapas” naceu como unha aposta pola divulgación do noso marisco, e hoxe xa é unha cita gastronómica imprescindible na Illa de Arousa.
Acción enmarcada no Plan de Produción e Comercialización da OPP20 cofinanciado pola Xunta de Galicia e o FEMPA.
Comentarios recentes