A OPP20 colaborou esta tarde na programación de catas e degustacións de produtos do mar de Galicia organizadas pola Consellería do Mar no stand da Xunta de Galicia na Feira Salimat 2023.
Repetindo o lema do ano pasado “GALICIA SABE AMAR: MARISCO E ALGAS DE A ILLA, UN MAR DE TRADICIÓNS E SABORES”, a Organización de Produtores de marisco e cultivos mariños da provincia de Pontevedra, puxo en valor o traballo dos seus produtores e produtoras da man da súa Presidenta, Inmaculada Rodríguez e do vídeo presentación da OPP20 “Un mar de tradicións e sabores” (https://www.youtube.com/watch?v=jfp7RvoIP6U).
Os produtos seleccionados para a degustación foron a ameixa babosa e o carneiro na parte dos mariscos, e o codium, kombu e o wakame en canto a algas. A ameixa babosa é unha das principais especies de marisco comercializadas pola OPP e tamén das máis valoradas, mentres que o carneiro (tamén chamado escupina) é unha especie bastante descoñecida e pouco valorada á hora da súa comercialización, polo que a organización quixo aproveitar esta ocasión para a súa posta en valor. En canto ás algas, son especies principais da OPP, sendo o codium unha especie cada vez máis valorada gastronómicamente pola súa textura e sabor profundo a mar.

A degustación estivo a cargo da cociñeira galega Emma Pinal, de Gastrobar o Birrán en Ribadavia. A ameixa, o codium e o kombu servíronse cunha crema de faba de Lourenzá, mentres que o wakame e o carneiro foron preparados en ensalada con crocante de pan de Cea. Coma sempre con Emma, o resultado foi boísimo e todos os comensais quedaron satisfeitos co produto da OPP20: MARISCO E ALGAS DE A ILLA.


Mariscos de A Illa é a marca creada pola OPP20 para destacar a alta calidade dos seus produtos e a sustentabilidade dos mesmos certificada polo selo PESCAENVERDE e PESCADERÍAS. As algas recollidas polos produtores da Illa están tamén certificadas como de agricultura ecolóxica polo selo CRAEGA.
Un mar de tradicións e sabores quere tamén destacar a tradición e cultura marisqueira da Illa de Arousa, poñendo en valor unha actividade primordial para a poboación insular.
Esta medida está enmarcada no PPeC 2023 da OPP20, cofinanciado polo FEMPA e pola Xunta de Galicia.
Comentarios recentes