A iniciativa de Marisco de A Illa completou dúas xornadas cunha elevada asistencia de público e unha valoración moi positiva das dez propostas participantes
O Mar en Tapas pechou este domingo a súa cuarta edición tras unha fin de semana na que veciños e veciñas da Illa de Arousa e numerosos visitantes se achegaron aos dez establecementos participantes para degustar as propostas elaboradas con ameixa rubia e algas da Illa.
A calor marcou as dúas xornadas, sábado 12 e domingo 13 de setembro, pero non impediu que os locais recibisen durante o horario de mediodía a un importante número de persoas interesadas en coñecer as diferentes formas de preparar os produtos comercializados pola OPP20.
A resposta do público confirma a boa acollida dunha iniciativa que alcanzou este ano a súa cuarta edición e que continúa medrando como unha cita gastronómica arredor de Marisco de A Illa.
Arredor de 4.000 tapas durante a fin de semana
Para o desenvolvemento desta edición, a OPP20 distribuíu 300 quilos de ameixa rubia entre os dez establecementos participantes, 30 quilos por local, destinados á elaboración das tapas ofrecidas gratuitamente coa consumición.

A partir da cantidade de produto distribuída e do número aproximado de ameixas empregado en cada elaboración, estímase que durante as dúas xornadas se serviron arredor de 4.000 tapas.
A ameixa rubia compartiu protagonismo coas algas da Illa, permitindo presentar dez elaboracións diferentes e amosar ao público as posibilidades gastronómicas destes produtos.
Ribeirán Café Bar, Restaurante Vinoteca Aldea, Restaurante-Bar López, Restaurante A Meca, Bar O Porto, Café Bar Saratoga, Restaurante Enno’s, A Boa Vida gastrobar, Restaurante Brasería Salga e Restaurante Churrasco Con do Sol foron os dez establecementos encargados de dar forma á ruta gastronómica deste 2026.
Unha valoración moi positiva por parte do público
Ademais da asistencia rexistrada durante a fin de semana, a OPP20 puido coñecer de primeira man a opinión das persoas participantes. O persoal encargado das redes sociais de Marisco de A Illa percorreu os diferentes establecementos e falou co público sobre a súa experiencia e as tapas degustadas.

As impresións recollidas amosaron unha valoración xeral moi positiva das diferentes propostas, tanto entre persoas da propia Illa de Arousa como entre visitantes que aproveitaron a fin de semana para participar na ruta.
O público tivo ademais un papel fundamental á hora de decidir a proposta gañadora desta cuarta edición, puntuando as tapas degustadas do 1 ao 5 mediante os folletos dispoñibles nos establecementos participantes.
Unha vez realizado o reconto das valoracións, darase a coñecer a tapa gañadora da IV edición de O Mar en Tapas. Entre as persoas participantes no concurso sortearase tamén un lote de Marisco de A Illa.
Unha cuarta edición que deixa a porta aberta a 2027
O balance destas dúas xornadas reforza o obxectivo de O Mar en Tapas: promocionar os produtos comercializados pola OPP20, poñer en valor a ameixa rubia e as algas da Illa e achegar ao público novas formas de incorporalos á gastronomía.
A colaboración dos dez establecementos participantes e a resposta obtida por parte do público deixan ademais boas perspectivas para a continuidade da iniciativa. Tras catro edicións e a acollida conseguida este ano, O Mar en Tapas deixa xa a porta aberta a unha quinta edición en 2027.
A través das redes sociais de Marisco de A Illa e da etiqueta #OMarEnTapas poderán seguirse as últimas novidades desta edición, incluída a publicación da tapa gañadora.
O Mar en Tapas é unha acción desenvolvida pola OPP20 no marco do seu Plan de Produción e Comercialización, cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). A iniciativa conta coa colaboración do Concello da Illa de Arousa.
Comentarios recentes