+0034 986 551 107 / fax 986 527 291 cofradia.illadearousa@gmail.com

A Organización de Produtores de Marisco e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra (OPP20), presentou hoxe no Centro Superior de Hostalería de Galicia a súa campaña de promoción 2022.

“Marisco de A Illa, O Segredo do Bo Gastrónomo” é unha aposta por achegar o produto da OPP20 ós hostaleiros galegos a través da realización de demostracións en escolas de hostalería, onde está o futuro da profesión.

Hoxe foi a segunda parada e presentación oficial da campaña no Centro Superior de Hostalería de Galicia en Santiago de Compostela, onde a súa directora, Marta Fernández agradeceu á OPP20 a oportunidade de traer produto de proximidade para esta clase maxistral, que terá a súa continuación o próximo xoves 24 coa visita do alumnado do centro á Illa de Arousa para acudir a unha xornada de traballo dos mariscadores e mariscadoras da OPP.

Estivo presente no acto o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, que destacou a importancia de iniciativas coma esta para poñer en valor o produto da terra e o traballo que hai detrás del.

O alcalde da Illa, Carlos Iglesias, foi o encargado de inaugurar a campaña, agradecendo á Xunta de Galicia o seu apoio á OPP20 para a realización da mesma, e destacando unha vez máis a ardua labor de promoción detrás de Marisco de A Illa.

O presidente da OPP, Juan José Rial Millán, foi o director do evento, facendo fincapé no traballo da OPP20 para a promoción dos seus produtos, á tradición detrás do oficio, e á innovación detrás da actividade marisqueira, todo grazas á financiación da Xunta de Galicia e do FEMP a través dos seus plans de produción e comercialización anuais.

O acto finalizou cunha clase maxistral a cargo do cociñeiro Adrián Albino, do restaurante vigués  NIÑO CORVO, que preparou “longueirón en xel de mar, yuzu, codium e piparras”, “ameixa rubia con pesto e con queixo parmesano” e “suquet de camaróns e codium”, facendo as delicias do alumnado e mestrado asistente, e que respondeu preguntas sobre o oficio de cociñeiro e o que hai detrás do seu éxito, que en breve se verá recompensado coa apertura dun novo local máis amplo na zona vella de Vigo

A primeira parada deste “O segredo do bo gastrónomo” foi o 18 de novembro na Escola de Hostalería Paseo das Pontes en A Coruña e a última parada será na Escola de Hostalaría de Vilamarín, na provincia de Ourense, o 5 de decembro.

Marisco de A Illa, a marca creada pola OPP20 para proxectar a calidade dos seus produtos máis aló das fronteiras da Arousa, estará de novo nas RRSS (#OsegredoDoBoGastronomo) e nos medios de comunicación cunha imaxe creada integramente para a Organización de Produtores nunha nova aposta pola tradición da actividade e a calidade gastronómica do produto.