A iniciativa de Marisco de A Illa celébrase esta fin de semana en dez establecementos da Illa de Arousa, con arredor de 4.000 tapas gratuítas coa consumición e en horario de mediodía.
O Mar en Tapas iniciou este sábado a súa cuarta edición cunha nova ruta gastronómica dedicada á promoción dos produtos comercializados pola OPP20. Dez establecementos da Illa de Arousa participan este ano con outras tantas elaboracións nas que a ameixa rubia e as algas da Illa comparten protagonismo.
A iniciativa celébrase durante dúas xornadas, sábado 12 e domingo 13 de setembro. Por segundo ano consecutivo, a colaboración do Concello da Illa de Arousa permite desenvolver O Mar en Tapas durante dous días, mentres que nesta edición a degustación se concentra no horario de mediodía. As tapas son gratuítas coa consumición, dentro dos horarios establecidos por cada local e consultables na web mariscodeailla.com.
O alcalde da Illa e o director xeral de Pesca inauguran a cuarta edición
A xornada foi inaugurada polo alcalde da Illa de Arousa, Luis Arosa, e polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, D. Isaac Rosón, que acompañaron a Juan José Rial, membro do Consello de Administración da OPP20, e ao resto de membros da organización presentes no acto. Na inauguración estivo tamén presente a concelleira de Educación e Igualdade do Concello da Illa de Arousa.

A inauguración tivo lugar ás 12:00 horas na sede da OPP20, na Avenida Castelao da Illa de Arousa. Tras o acto, os representantes institucionais e da organización achegáronse a varios dos establecementos próximos á sede da OPP20 para coñecer e degustar algunhas das tapas preparadas para esta edición.
Durante a presentación, desde a OPP20 destacouse o papel de O Mar en Tapas na promoción dos produtos comercializados pola organización e, especialmente nesta edición, na posta en valor das algas da Illa. Juan José Rial incidiu nas posibilidades que ofrecen estes produtos na alimentación e na necesidade de fomentar o seu consumo, aínda reducido pese a tratarse dun recurso presente e abundante na contorna.
A combinación das algas coa ameixa rubia nas dez elaboracións permite precisamente achegar estes produtos ao público dunha forma diferente e amosar as súas posibilidades na cociña.
Pola súa banda, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, agradeceu o traballo desenvolvido pola OPP20 e destacou a evolución dunha iniciativa que chega xa á súa cuarta edición. Rosón puxo en valor este tipo de accións enmarcadas nos Plans de Produción e Comercialización e o seu papel na promoción dos produtos do mar e da xente vinculada ao sector, así como na procura de novas formas de achegar estes produtos ao público a través da gastronomía.
O alcalde da Illa de Arousa, Luis Arosa, agradeceu á OPP20 que conte un ano máis coa colaboración do Concello nunha iniciativa que permite promocionar «un produto local dunha calidade excepcional». Arosa destacou tamén a celebración deste tipo de accións durante o mes de setembro como unha ferramenta para contribuír á desestacionalización do turismo e prolongar a actividade máis alá da tempada estival.
O alcalde incidiu ademais na dimensión social da iniciativa, sinalando que a promoción destes produtos é tamén unha forma de poñer en valor e dignificar o traballo das pescadoras, mariscadores e mariñeiros que os extraen da ría para que poidan chegar á mesa dos consumidores.
300 quilos de ameixa e arredor de 4.000 tapas
Para o desenvolvemento desta cuarta edición, a OPP20 repartiu 300 quilos de ameixa rubia entre os dez establecementos participantes, 30 quilos por local, destinados á elaboración das tapas que se ofrecen gratuitamente coa consumición durante as dúas xornadas. Esta cantidade distribuída permitirá servir arredor de 4.000 tapas ao longo da fin de semana.
A ameixa rubia e as algas da Illa son as protagonistas das propostas, amosando a través de elaboracións moi diferentes a versatilidade destes produtos na cociña.
Nesta edición participan Ribeirán Café Bar, con Ameixas sobre crema mariñeira de pataca con Wakame; Restaurante Vinoteca Aldea, con Empanadilla Aldea de Ameixas con Wakame; Restaurante-Bar López, con Ameixas sobre leito de Wakame con salsa vermella; Restaurante A Meca, con Ameixas nun mar de Codium; e Bar O Porto, con Marea verde con Ameixas.
Completan a ruta Café Bar Saratoga, con Ameixas con arroz e Codium; Restaurante Enno’s, con Ameixas á prancha sobre leito de Wakame; A Boa Vida gastrobar, con Ameixas ao Albariño salteadas con allo e Wakame; Restaurante Brasería Salga, con Ameixas con emulsión de Algas; e Restaurante Churrasco Con do Sol, con Ameixas Mar e Terra.
O público decide a tapa gañadora
O público volve ter un papel protagonista en O Mar en Tapas. As persoas que degusten as propostas poden puntuar cada tapa do 1 ao 5 empregando os folletos dispoñibles nos establecementos e depositalos nas caixas habilitadas para o concurso.

A proposta que consiga a mellor puntuación será proclamada gañadora da IV edición de O Mar en Tapas. Ademais, entre as persoas participantes no concurso sortearase un lote de Marisco de A Illa.
A campaña conta tamén cunha importante vertente de difusión dixital. A través da web mariscodeailla.com pode consultarse toda a información sobre O Mar en Tapas, incluídos os establecementos participantes, as propostas, os horarios e as localizacións.
Nas redes sociais de Marisco de A Illa, #OMarEnTapas é a etiqueta común da campaña, a través da que se están dando a coñecer os locais participantes, as súas elaboracións e toda a actualidade desta cuarta edición.
O Mar en Tapas continúa este domingo
Tras a primeira xornada deste sábado, O Mar en Tapas continuará o domingo 13 de setembro, novamente ao mediodía. Dez locais, dez propostas e diferentes formas de degustar Marisco de A Illa acompañado das algas da Illa.
Os horarios concretos de cada establecemento e toda a información necesaria para realizar a ruta están dispoñibles en mariscodeailla.com. O Mar en Tapas é unha acción desenvolvida pola OPP20 no marco do seu Plan de Produción e Comercialización, cofinanciado pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). A iniciativa conta coa colaboración do Concello da Illa de Arousa.
Comentarios recentes