Tras o éxito acadado no 2020 coa campaña de promoción “Marisco de A Illa, Tradición saudable”, a OPP20 puxo en marcha en 2021 o rexistro da marca “Marisco de A Illa” e a campaña “O pracer na túa boca!”.

O acto que foi dirixido polo presidente da OPP, Juan José Rial Millán, contou coa presenza de numerosas persoas do sector marisqueiro, así como da administración.

A inauguración estivo ó cargo do alcalde de A Illa, Carlos Iglesias, que se dixo orgulloso do marisco de A Illa como trazo identitario da localidade e encantado coa proposta da OPP, que é unha das institucións máis importantes do concello e que levan o nome de A Illa a todos os mercados.

Estivo presente tamén a Deputación de Pontevedra, a través do seu deputado Manuel González, que destacou que o Marisco de A Illa non só é un pracer na boca como di o slogan da campaña, senón que é un pracer para todo o corpo, e máis se se consume nun entorno tan marabilloso como é a A Illa.

La imagen tiene un atributo ALT vacío; su nombre de archivo es IMG_20210813_122816.jpg

A Consellería do Mar, cofinanciadora do evento xunto ó Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, estivo representada pola súa máxima autoridade, Rosa Quintana, quen destacou a labor da OPP, sobre todo nunha época tan dura como foi e é a derivada da pandemia por COVID19. Nun momento en que fomentar o consumo de alimentos saudables e de calidade é fundamental, cunha imaxe fresca e innovadora que fai chegar a mensaxe tamén ós máis novos, a través das  novas canles de comunicación como son as redes sociais, e facendo fincapé no pracer gastronómico. Nas palabras da conselleira “ós galegos gústanos o mellor, e polo tanto gústanos o Marisco de A Illa”. Tamén destacou a acción da Xunta de Galicia “Galicia sabe a Mar”, unha iniciativa de apoio ó sector pesqueiro e marisqueiro.

Tras a inauguración do acto, o presidente da OPP presentou a marca Marisco de A Illa, creada para identificar o produto da Illa no mercado, pero tamén para ter unha imaxe asociada a el que permita ó consumidor coñecer e pedir Marisco de A Illa en calquera recuncho no que o marisco estea presente.

Marisco de A Illa pretende ser un selo identificativo permite identificar os produtos da OPP20 cos seguintes atractivos:

TRADICIÓN SOSTIBLE: Traballamos no mar de forma responsable, contribuíndo á conservación do medio mariño e biodiversidade das especies.

PRODUCTO DE CALIDADE: Seleccionamos o noso produto co tamaño e características óptimas, obtendo do mar frescura e calidade superior.

ALIMENTACIÓN SAUDABLE: O marisco é fonte importante de minerais, baixa porcentaxe de graxas e posúe proteínas de alto valor biolóxico. 

DESFRUTE CULINARIO: Un desfrute para os sentidos, pola súa textura e frescura de matices, porque o marisco é sabor a mar.

Marisco de A Illa pretende ser un selo identificativo que permita poñer en valor bivalvos e crustáceos extraídos polos produtores e produtoras da OPP20. 

Na anualidade 2020 desenvolveuse a campaña “Tradición saudable” coa que se puxeron en valor estes atractivos que vos acabo de describir.

Por un lado deuse a coñecer a tradición marisqueira, xa que a esta actividade é parte da tradición da Galicia costeira, e na Illa, se cabe, ten unha maior importancia pois afecta a arredor de 300 mariscadoras e mariscadores a pé e a case 400 embarcacións de marisqueo a flote.

Sendo o sector da restauración o principal destinatario do Marisco de A Illa, nesta campaña de 2020 implicáronse restaurantes de toda Galicia, que foron protagonistas dunha proposta culinaria de diferentes receitas que ben en formato papel, ben a través da páxina web www.opp20.com, te animaba a percorrer a nosa comunidade degustando marisco, ou a facer as receitas na casa con Marisco de A Illa.

E para poñer en valor a calidade, así como as propiedades saudables do produto da OPP, contouse con Lidia Folgar, experta nutricionista e dietista galega, que axudou a transmitir as bondades saudables do marisco de A Illa, que é fonte de iodo, ten un alto contido en ferro e posúe proteínas de alto valor biolóxico. Isto unido á súa doada dixestión e á baixa porcentaxe de graxas que contén, fai del un compoñente ideal nunha dieta saudable. Destacando principalmente o seu aporte de ferro e iodo, sobre todo en etapas de alta necesidade coma o embarazo ou o crecemento temperá de nenas e nenos. Lidia tamén falou de falsos mitos, coma o de que o marisco é malo para o colesterol ou para o ácido úrico, ambos falsos, xa que non afecta para nada ó colesterol, e ó ácido úrico non o afecta máis cá carne ou o peixe, pois o que inflúe realmente é unha alta inxesta de proteínas na dieta.

Neste ano 2021 a OPP centrouse no último atractivo que se mencionaba do MARISCO DE A ILLA, o desfrute culinario.

Por esta razón se lanzou a campaña titulada O pracer na túa boca!

Este título quere xogar coa suxestión do público destinatario, para que asocien o pracer co consumo do noso marisco, de Marisco de A Illa.

Xogar tamén coa crenza de que o marisco é un alimento con certas propiedades afrodisíacas, espertando así todos os sentidos da persoa que o degusta.

Porque como pon de cabeceira na campaña na web mariscodeailla.com, PRACER É ESA SENSACIÓN DE PLENITUDE QUE PRODUCE NO ESPÍRITO E NOS SENTIDOS O CONSUMO DE MARISCO DE A ILLA.

Así lanzaouse unha campaña en redes sociais e medios de comunicación cun spot que pretende que o público abra os seus sentidos ó Marisco de A Illa, de forma que nunca máis volveran desexar ningún outro marisco.

Este spot está gravado no restaurante Niño Corvo, do conciñeiro Adrián Albino que estivo presente no acto para preparar a degustación. Para a súa realización desenvolveu tres receitas con dúas das especies máis coñecidas da OPP: ameixa rubia e ameixa babosa; e unha con outra menos coñecida pero con gran potencial: o reloxo. Adrián tamén utilizou algunha das algas de selo sostible dos produtores de A Illa como é o caso do codium e da leituga de mar.

Vídeos da campaña 2020 e 2021: https://we.tl/t-lLBcm1k5dY

Web: www.mariscodeailla.com

Esta iniciativa está enmarcada no PPeC 2021 da OPP20, cofinanciada polo FEMP e pola Xunta de Galicia.